Ames - o alcalde recibe os nenos saharauis que pasaron o verán no concello

O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais reciben aos nenos saharauís que pasaron o verán en Ames
Ames, 31 de agosto de 2012. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Servizos Sociais, María Dolores Fernández, recibiron na Casa do Concello aos nenos saharauís que pasaron o verán en Ames. Hoxe regresan as súas casas de Tindouf en Alxeria. O Concello colaborou un ano máis co programa Vacacións en Paz, que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, para que tres nenos saharauís puideran pasar os meses de xullo e agosto en terras amienses. O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais entregáronlle un bolsa de agasallos.

Un ano máis, o Concello de Ames colaborou co programa Vacacións en Paz, levado a cabo pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este programa responde a un marco de solidariedade e axuda desinteresada para ofrecerlles unha estancia agradable e rica aos nenos saharauís e para que coñezan outros xeitos de vida que contribúan á súa formación, pero tamén para potenciar a comunicación e entendemento entre dous pobos, como son o español e o saharauí. 

O Concello de Ames asinou de novo este ano un convenio coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a través do cal durante os meses de xullo e agosto viñeron ao concello tres nenos saharauís. Dúas familias de acollida repetiron a experiencia, mentres que para outra das familias foi a primeira vez que acolleron un neno saharauí. Este venres remata o mes de agosto e os rapaces teñen que volver mañá, 1 de setembro, as súas casas de Tindouf en Alxeria.

Pero antes o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Servizos Sociais, María Dolores Fernández, recibiron na Casa do Concello aos nenos saharauís que pasaron o verán en Ames. Ademais de falar con eles para coñecer de primeira man a súa experiencia en Ames, o alcalde e a concelleira entregáronlle un bolsa de agasallos.

Bachir e Hafdala son dous dos nenos que estiveron durante este verán coas súas familias amienses. Hafdala, un dos nenos saharauís de acollida, pertence a unha familia de 8 irmáns, dos que case todos, agás as tres irmáns bastante máis maiores, viñeron a España e falan español xa que teñen clases deste idioma todas as tardes do curso lectivo. 

Estes nenos e nenas naceron nos campamentos de refuxiados saharauís que existen desde hai máis de 33 anos na zona da Hamada alxeriana en Tindouf. Son fillos dos saharauís que abandonaron de xeito forzoso os seus fogares instalados no territorio do antigo Sáhara español en 1975, e sobreviven hoxe en día grazas á axuda internacional. Soportan temperaturas que superan os 50ºC durante o verán e sofren diversos déficits alimentarios e de asistencia médica.

Ningún comentario: